entusiasmat-e-p-1EntusiasMAT é un programa didáctico-pedagóxico para alumnos desde os 3 ata os 16 anos, baseado nas Intelixencias Múltiples (IIMM) que permite traballar as matemáticas dunha maneira contextualizada e adaptada á realidade do alumnado. O proxecto incorpora as IIMM para que o alumnado teña múltiples oportunidades de aprender un mesmo concepto matemático porque, como é ben sabido, nas aulas non hai dous alumnos/as iguais.

No noso colexio xa o temos implantado en cinco cursos (desde 1º de E. Infantil ata 2º de E. Primaria) e os resultados están sendo moi positivos, debido a que traballa desde idades moi temperás tódolos conceptos matemáticos, xa que entendemos que debemos aproveitar a capacidade de aprendizaxe e adaptabilidade do cerebro do alumnado nos seus primeiros anos de vida.

entusiasmat-e-iEntusiasMAT está organizado por sesións, posto que desta maneira os contidos adáptanse de maneira moito mais natural á realidade das nenas e nenos. Dividimos cada sesión en diferentes partes establecendo rutinas de escoita activa, cálculo mental, aprendizaxe de novos conceptos matemáticos xogando e establecendo estratexias concretas de metacognición para que o alumnado reflexione sobre o aprendido.

Todo isto sen esquecer a perspectiva de grupo e o traballo cooperativo. Xeramos propostas didácticas para que, a través do xogo, o alumnado experimente a experiencia do traballo en grupo á vez que aprenden os conceptos matemáticos.?

Con este proxecto, buscamos que as nenas e nenos esperten o seu espírito estratéxico para ser reflexivos e que desfruten do pracer de inventar e utilizar procedementos escalonados e graduais.