logotypeO alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria participa no Proxecto Classcraft, un proxecto de gamificación que consiste en empregar técnicas, elementos e dinámicas propias dos xogos e o ocio en actividades non recreativas. A finalidade é potenciar a motivación, a cooperación e o traballo en equipo.

Classcraft é un xogo de rol educativo que emprega dinámicas típicas dos xogos actuais para lograr que os alumnos aumenten o seu rendemento. Segundo vai avanzando o xogo, os personaxes dos alumnos aprenden poderes que teñen consecuencias na vida real.

gamificacionPor isto, os riscos e as recompensas no xogo son reais. O alumno/a que traballa ben academicamente e axuda ós seus compañeiros/as, gaña puntos de experiencia que lle permiten desbloquear poderes. O alumno/a que presenta condutas negativas (comportamento inadecuado, chegar tarde, non traer o material ou os deberes…) perde «puntos de saúde». O alumno que perda todos os seus puntos de saúde, caerá en batalla e terá que afrontar a consecuencia que marque o dado maldito. En Classcraft, a participación, o traballo e o bo comportamento son imprescindibles para sobrevivir.