É unha experiencia de encontro con Xesús. Trátase dunha das grandes inspiracións de san Xosé de Calasanz. El quixo que a escola calasancia estivese impregnada do espírito da oración, polo que xa nos primeiros documentos de «pedagoxía calasancia» nos alenta a esta práctica:
«Todos os días, dende o comezo da clase ata a saída, tense a Oración Continua de nove alumnos, coa asistencia dun sacerdote letrado, que instrúe aos alumnos no modo de facer oración, e dura media hora; logo cambian outros nove. A oración faise pola exaltación da santa Igrexa Romana, pola extirpación das herexías, pola unión dos príncipes católicos e, en particular, polos benfeitores do propio colexio. A esta oración asisten, por orde sucesiva, todos os alumnos, comezando pola primeira ata a última clase». (Breve Relazione, 1604)
A oración continua é, así pois, a alma da escola calasancia, porque é o espazo no que nenos e educadores rezan xuntos.
Con esta actividade pastoral ofrecemos aos máis pequenos do cole un lugar e un momento concreto para coñecer a Xesús e coidar a súa experiencia de Deus, cultivando neles, ademais, a importancia do silencio e a calma.
A finalidade da oración continua non é, polo tanto, catequética nin doctrinal, senón, seguindo o desexo de Calasanz e Faustino Míguez, animar a interioridade do neno e movelo á meditación, á contemplación e ao diálogo con Xesús.
ESQUEMA DO ENCONTRO DE ORACIÓN
Para a oración, contamos cun espazo propio, o oratorio do cole, que é un lugar apropiado para levar a cabo esta práctica con serenidade, calma e silencio.
O procedemento que seguimos é o seguinte:
– As persoas que acompañan aos nenos, van recollelos á clase e ínstanlles a se tranquilizar e camiñar con quietude cara ao oratorio.
– Xa alí, comezan orando en intimidade ou «en segredo». Isto é, o neno saúda a Xesús e dille como está nese momento (contento, canso, nervioso, triste…)
– A continuación, oran coa Palabra: escóitana, apréndena, aplícana á súa vida e, nalgúns casos, cántana.
– Para concluír, fan unha oración en común, pedindo ao Señor ou dándolle grazas en voz alta.
Deste xeito, os nenos coñecen as diversas maneiras de orar (pedir, dar grazas, adorar, bendicir, glorificar, loar…) e incorpóranas ao seu día a día.