Empezamos a semana celebrando todos xuntos este luns, desde Infantil ata 2º de Bacharelato, o DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA. Será unha oración ás 10.30 h no patio interior do colexio, na que cada curso presentará un símbolo que conformará a colmena da paz. Esta celebración está preparada polos catequistas de Primeira Comuñón.
Ás 13.15 h, está previsto o inicio do BOCATA SOLIDARIO para todas as alumnas e alumnos de 3º a 6º de Primaria que se anotaron. Os encargados de repartir o bocata serán os nenos e nenas do Movemento Calasancio de 6º. E ás 14.00 h serán os alumnos e alumnas de ESO e BAC os que participarán no bocata, encargándose os de Confirmación de repartilo.
Con respecto a actividades fóra do centro, o alumnado de 5º e 6º EP asistirá o xoves a unha función teatral en inglés, Alice, que representa a compañía Blue Mango Theatre, en Afundanción.
Finalmente, o venres visitarán as instalacións do aeroporto de Alvedro as nenas e nenos de 4º de Primaria. Entre elas cabe destacar os servizos de Control de Fauna e de Extinción de Incendios.
«Hai que derribar os muros da desconfianza e do odio promovendo unha cultura de reconciliación e solidariedade», Papa Francisco.