Este mes de novembro que xa remata foi o mes máis intenso do 1º trimestre: actividades complementarias para os alumnos, magosto, charlas de sensibilización sobre o labor tan extraordinario que realiza o Banco de Alimentos, obradoiros solidarios de bolsas Quimions para os nenos do Materno, sesións de fotos, celebración de S. Xosé de Calasanz con alumnos e profesores, xornadas formativas de plurilingüísmo e de normalización lingüística, formación de profesores para seguir actualizando métodos de ensinanza adecuados á educación do século XXI, Congreso de Educación Internacional en Roma, 1º boletín de notas para o alumnado de 2º BAC, 1º casting para participar no XIV Festival Intercentros, ensaios para unhas sorpresas que temos preparadas para a derradeira semana do trimestre… e rematámolo coa participación voluntaria de alumnos e alumnas na Gran recollida de Alimentos 2015, organizada polos Bancos de Alimentos de toda España.
De todo isto sempre deixamos unha pequena lembranza na galería de imaxes.
E tamén neste mes de novembro, a Xunta Directiva da ANPA tivo as asembleas ordinaria e extraordinaria. Nesta última comunicaron a súa dimisión por motivos de traballo de cada unha dos seus membros. O Equipo Directivo do centro agradécelles profundamente o servizo prestado nestes anos de traballo e entrega desinteresada e xenerosa. A Xunta da ANPA amosou, desde o momento que comunicou a súa decisión, a súa dispoñibilidade para axudar en todo o que faga falta mentres non se constitúe unha nova xunta directiva.
Desde aquí invitamos ás familias que así o desexedes a colaborar na organización da tarde de Reis para os nenos de Infantil e Primaria, así como deixamos a porta aberta para recibir propostas e persoas que estén dispostas a presentar a súa candidatura para formar unha nova xunta directiva. Ditas persoas contarán co apoio do Equipo Directivo.